A peza, da compañía Constance Hurlé e producida por Hurlé prods., celebra a súa estrea o 13 e 14 de xaneiro na sala Ártika de Vigo.
Penélope: destecendo o vínculo é unha peza de danzateatro que fala da necesidade de pensar, reflexionar e comprender os propios traumas, medos e carencias afectivas. Esta peza de danzateatro contemporáneo xorde a partir da necesidade crecente de rachar co tabú que rodea a saúde mental e de comprender os vínculos afectivos humanos. Ademais, procura, a través das artes do movemento e da performance, un acercamento escénico á teoría psicolóxica do apego –desenvolta polo psicólogo británico J. Bowlby.
Esta é a segunda produción de gran formato da compañía Constance Hurlé, que se centra nas artes vivas de carácter multidisciplinar e cuxo eixo é o diálogo entre a palabra, o corpo e a música. Ademais, preséntase coma unha compañía comprometida co desenvolvemento cultural, o medio ambiente, a igualdade e a saúde mental con proxectos escénicos que tratan temas emocionalmente transcentais.
Despois de crear a compañía, Constance Hurlé tamén creou Hurlé prods., produtora e distribuidora de proxectos teatrais, musicais e de pequeno formato que axuda a artistas a levar a cabo os seus proxectos e que tamén produce esta peza.
Penélope: destecendo o vínculo celebra a súa estrea no espazo Ártika de Vigo o sábado 13 e o domingo 14 de xaneiro e xa se poden mercar as entrada desde a páxina web da sala Ártika https://entradas.artikavigo.com/par-public/rest/evento/listado .
Penélope recibiu unha subvención da AGADIC na categoría de nova creación para poder desenvolverse e, ademais, axudas de distintos cofinanciadores particulares a través dunha campaña de Goteo na que se pode participar ata o sábado 6 de xaneiro e ser mecenas desde 5 € en https://gl.goteo.org/project/penelope-destecendo-o-vinculo. A participación poderase desgravar ademais de conseguir recompensas segundo a contía aportada.
Artigo de Marta Pastoriza – Lingua Trabada