Miña pequena, Constance Hurlé

A compañía de artes vivas Constance Hurlé estrea a súa nova produción Miña pequena no museo Marco de Vigo ás 19.00 na programación do 25N da Concellería de Igualdade. 

O vindeiro 21 de novembro Constance Hurlé estrea a súa nova produción de pequeno formato, Miña pequena. Constance Hurlé trátase dunha compañía viguesa que traballa con linguaxes híbridas de carácter contemporáneo dentro das artes do movemento. Comeza a súa traxectoria profesional cando no 2021 recibe unha axuda á creación da AGADIC coa que estreará o seu primeiro espectáculo de gran formato, Lara Hierro. A partir de ese momento, comezan a facerse un nome dentro do sector cultural galego, destacando as súas creacións de pequeno formato, coas que veñen traballando desde os inicios da compañía, na periferia máis underground.

Miña pequena é un espectaćulo de danzateatro para espazo non convencional. É unha adaptación do relato Manaus, de Constance Hurlé, gañador do 1º Premio de microrrelatos contra a violencia de xénero do Concello de Ribadavia no ano 2020. Neste explóranse, dende a poesía, a danza e o son, as conexións entre psique, corpo e violencia. O eixo é a narración dunha violación, cuxa lembranza quedará pechada nos recunchos da memoria da vítima. A actriz adéntranos nunha íntima confesión onde quedan expostas a crueza do abuso e a fraxilidade do corpo aldraxado a través da metáfora e a  honestidade do relato directo, en segunda persoa, dirixido ao agresor. 

 

A peza convida á reflexión sobre a cotiandade da violencia de xénero e o abuso sexual no ámbito íntimo da parella e como estas violencias deixan unha pegada no corpo, transformándoo e atravesándoo. 

 

En escena vemos á intérprete Constance acompañada pola composición sonora en directo de Diana Longa.

 

O equipo nesta produción está conformado por Constance Hurlé como autora do texto e intérprete, así como directora da propia compañía e da productora e distribuidora Hurlé prods, pequena empresa creada para soster distintos proxectos de artes escénicas e musicais da propia directora e artistas locais. Diana Longa, que se estrea como profesional do sector con esta mesma peza, encárgase da dirección e dramaturxia, así como o espazo sonoro, que vai construindo en directo, establecendo así un diálogo coa actriz. A compañía conta, unha vez máis, coa bailarina Olga Cameselle,  de longuísima e máis que recoñecida traxectoria, unha colaboradora habitual de Constance Hurlé, na asesoría no movemento. Na creación de contido audiovisual, é dicir, a fotografía e o vídeo, está Xandra Táboas Gravidade 0.0. Outras persoas que apoiaron a peza durante o seu proceso creativo son Fran Sieira e David Jácome, aos que a compañía agradece profundamente a súa colaboración totalmente desinteresada. 

Tamén agradecen a Paula Cabaleiro e á área de Igualdade do Concello de Vigo pola súa confianza. 

 

Sigue o seu instagram para non perder nada da actualidade da productora e da compañía! @hurleprods.com @constance_hurle

 

Comparte este contenido: