Penélope – O noso equipo

Levamos xa a metade da campaña de Crowdfunding e queremos mantervos ao día de todas as novidades no proceso de produción do espectáculo “Penélope: destecendo o vínculo”.

Levamos dende setembro facendo pequenos períodos de ensaio do elenco, e co traballo de todo o equipo artístico e de produción por detrás, xuntámonos ao longo duns tres días para poñer en común os avances, as persoas do equipo artístico visitan os nosos ensaios, despois facemos pequenas residencias intensivas para desenvolver os conceptos e perfilar Penélope.

Durante a primeria e segunda fase das residencias (setembro e outubro), contamos coa excelente bailarina Sabela Domínguez, coa que comezamos a xestar a peza, trazando as primeiras liñas escénicas e dándolle corpo aos conceptos. O traballo con Sabela foi excepcional, tan ameno e dinámico que en menos dunha semana xa tíñamos todo un esqueleto.

Agora mesmo, por cuestións persoais que non veñen ao caso, Sabela vai ter que abandoar o proceso creativo de Penélope dende a escena, xa non lle dará corpo a través da súa propia carcasa, pero continuará dándolle alma, coas súa aportacións e o seu ollar agarimoso que sigue acompañándonos para que a peza saia con amor e coidado, e poder chegar a un resultado fermoso e estimulante.

No lugar de Sabela, uniuse ao noso equipo unha gran compañeira tanto miña (Constance), como de Diego, o noso bailarín e coreógrafo. Ela é unha muller implicada dende sempre na dinamización da nosa cultura local, especialmente de corte feminista, e que cada vez máis foise empapando do universo da danza contemporánea, sendo agora unha das nosas bailarinas locais de maior impacto, con varios proxectos en desenvolvemento e recibindo unha formación exquisita na cidade do Porto. Ela é Eva Comesaña.

Ao resto do equipo xa o coñecedes, pero nunca está de mal volvelo a nomear:

Na dirección coreográfica e como parte do corpo de baile está o incrible Diego Buceta. Diego e máis eu coñecímonos fai un montón de anos nunha cidade fermosa bañada polo sol, Granada, nun dos lugares máis alternativos e implicados coa arte escénica do que tiven a oportunidade de formar parte: a Escola Integral do Creador Escénico Vladimir Tzekov, un teatro comprometido coa arte e a creación, onde o debate e a reinvención estaban sempre no foco. Diego naquel momento estudaba o Conservatorio de Danza Contemporánea coa que era a miña profesora de danza na propia Vladimir: Raquel Cruz, unha muller fermosa en tódolos sentidos. Coincidimos todos, todas e todes nas findes na Vladimir, nos seus baixos facendo danza e na súa sala tomando aulas.

Na vídeocreación está outra grande amiga e compañeira: Sol Álvarez. Sol é unha persoa coa que me identifico totalmente, xa que ambas adicamos as nosas enerxías todas a diferentes manifestacións artísticas e culturais, encántanos organizar eventos e andamos sempre nas mil lerias. Ela é máis do mundo das belas artes e o audiovisual, e foi por isto que comezamos, xa con Lara Hierro, a traballar xuntas. O resto, xa viu solo. Sol é unha persoa súper creativa e inquieta á que lle encanta cociñar lento e estar libre de ataduras.

As dúas e punto, Carmen e María, chegaron a miña vida case por casualidade. Buscando aquí e aló, de pronto mas nomearon varias persoas á vez. Non as coñecía, eran moi novas e aínda non tivera tempo para ver nada do seu traballo, pero que boa oportunidade e que placer é traballar cunha peza que se divide en dúas, tan chea de enerxía, entusiasmo e ideas frescas. A súa mocidade coa súa formación, fainas perfectas para o reto que é sacar adiante un proxecto como o noso nas circunstancias nas que se cociña o teatro na Galiza.

O espazo sonoro está en mans de Iago Marta. Esta decisión a tomei case antes de que Penélope fose tan sequera unha idea, a súa música gustábame tanto, me parece que ten unha sonoridade tan teatral e tal forza, que tempo antes de concebir Penélope xa lle pedira os dereitos de usufructo dun dos temas de Límbico para a miña performance Vísceras Poéticas, coa promesa dun día facer algo de longo formato. O día chegou e é un pracer ter connosco un músico resolutivo e permeable, con capacidade de adaptación aos cambios que a peza vai dando no seu proceso creativo.

No nos equipo artístico temos o pracer e a honra de contar co excepcional traballo de Olga Cameselle, bailarina máis que consagrada na danza contemporánea galega, unha maestra cunha sabiduría práctica e teórica sobre a danza que poucas persoas teñen. Ela é unha sabia domadora das carcasas e como tal, participa a xeito de holograma na nosa peza, con todo o peso do seu coñecemento e a súa experiencia.

Por outra banda, nestes momentos uniuse Alfredo Rodríguez, que xunto con Olga, leva anos dirixindo A Artística, escola e compañía de danza de Vigo. Alfredo está colaborando co proxecto no papel de asesor na dirección da actriz principal, porque da o caso que nesta produción (como tantas outras) actriz, directora e dramaturga son a mesma persoa. Por iso é unha sorte e unha grande oportunidade poder contar cuns ollos externos críticos, cheos de experiencia e recursos.

Para finalizar, unha peza fundamental en todo o traballo de Hurlé prods e Constance Hurlé é Marta Villar. Marta chegou profesionalmente á miña vida para salvarme dunha debacle na que me vía arrastrada pola ineficiencia dalgúns profesionais e a miña propia inexperiencia. Levamos xa dous anos traballando xuntas e cada vez máis a súa visión móstrase como fundamental para que os meus proxectos avancen dende o punto de vista gráfico, pero aportando cohesión e solidez ás propostas, además dun gran enxeño que fai que se lembren de min os programadores todos cos que me reúno. (guiño, guiño)

E aquí tedes, en resumo, ao noso equipo. Para que estas persoas sigan traballando baixo boas condicións é fundamental que consigamos máis fondos, que alcancemos o mínimo marcado na camapña de Crowdfunding, para poder facer de Penélope unha peza coa que todo o equipo artístico se sinta satisfeita e un produto cultural que aporte unha reflexión e un debate á nosa sociedade.

 

Cofinancia el proyecto ahora: https://www.goteo.org/project/penelope-destecendo-o-vinculo 

Comparte este contenido: