Sinopse
Miña pequena é un espectaćulo de danzateatro para espazo non convencional que adapta o relato Manaus, de Constance Hurlé, gañador do 1º Premio de microrrelatos contra a violencia de xénero do Concello de Ribadavia no ano 2020. Neste explóranse, dende a poesía, a danza e o son, as conexións entre psique, corpo e violencia.
O eixo é a narración dunha violación, cuxa lembranza quedará pechada nos recunchos da memoria da vítima.
A actriz adéntranos nunha íntima confesión onde quedan expostas a crudeza do abuso e a fraxilidade do corpo aldraxado a través da metáfora e a dureza do relato directo, en segunda persoa, dirixido ao agresor.
A peza convida á reflexión sobre a cotidianeidade da violencia de xénero e o abuso sexual no ámbito íntimo da parella e como estas violencias deixan unha pegada no corpo, transformándoo e atravesándoo.
En escena vemos á intérprete Constance acompañada pola composición sonora en directo de Diana Longa.
Descrición do proxecto
Esta peza é un acto reivindicativo e de denuncia a través da poesía e a imaxe audiovisual para empregar a expresión artística como caterse e vehículo de reflexión social. Recolle unha testemuña real a través da cal mostramos o sofremento e a angustia que supón ser víctima dunha violación dentro do entorno da propia parella.
O primeiro paso para defender ás víctimas de violencia de xénero é darlle voz ás súas historias, e, que mellor ferramenta que a performance, coa súa linguaxe híbrida e contemporánea para facernos escoitar?
Sol e Constance traballan xuntas no encontro entre imaxe e palabra, aportando cada unha parte do seu imaxinario propio, pero sempre cunha búsqueda da estética coherente e cun motor común: a necesidade de empregar a arte como ferramenta para o cambio. Neste caso, a idea nace a raíz do texto de Constance Hurlé, premiado no concurso de relatos contra a violencia de xénero (Ribadavia, 2020).